Seccións

Novas

Galería

Estatutos

Foto de noticiaTÍTULO PRIMEIRO

DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1º

Constitúese no concello de Guntín, parroquia de Ferreira de Pallares, unha asociación que se denominará ASOCIACIÓN DE AMIGOS DO MOSTEIRO DE FERREIRA DE PALLARES, que se rexerá pola vixente Lei Orgánica 1/2000, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable, dentro do marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico.
Artigo 2º

Son fins da Asociación:

a) A defensa, conservación e revitalización do Mosteiro de Ferreira de Pallares, para o que se desenvolverán e promoverán diversas actividades.

b) A realización e promoción de actividades culturais e recreativas, nas súas diferentes formas e manifestacións.

c) A canalización e xestión de axudas diante dos distintos organismos locais, provinciais, autonómicos e estatais, colaborando, así mesmo, con aquelas institucións e entidades relacionadas con este cenobio.

d) Cantas outras actividades lícitas sexan da conveniencia dos intereses comúns dos asociados.

e) A asociación non ten fins lucrativos nin está sometida a ningún réxime asociativo específico.

Artigo 3º

O domicilio da Asociación radicará no lugar de Ferreira de Pallares, Casa Reitoral, nº 6, CP 27211, Guntín (Lugo).

Artigo 4º

A Asociación desenvolverá as súas actividades dentro do ámbito territorial municipal, terá duración indefinida e só se disolverá por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria e por calquera das causas previstas nas Leis, así como por sentenza xudicial firme.

Artigo 5º

A Xunta Directiva será o órgano competente para interpretar os preceptos contidos nos Estatutos, someténdose en todo momento á normativa legal vixente en materia de Asociacións.

Os presentes Estatutos serán desenvolvidos e cumpridos mediante acordos que validamente adopten a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dentro das súas respectivas competencias.



TÍTULO SEGUNDO

DOS ÓRGANOS DIRECTIVOS E DA FORMA DE ADMINISTRACIÓN


Artigo 6º

A dirección e administración da Asociación serán exercidas polo Presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 7º

O Presidente da Asociación, que o será tamén da Xunta Directiva, asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebren unha e outra.

Artigo 8º

A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación, de acordo coas disposicións e directrices da Asemblea Xeral. Estará formada por un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario, un Vicesecretario, un Tesoureiro e dous Vogais.

Artigo 9º

Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán elixidos pola Asemblea Xeral e durarán un período de catro anos, aínda que poden ser obxecto de reelección. No caso de vacante dalgún dos cargos, a Xunta Directiva poderá nomear provisionalmente a persoa que estime axeitada, ata a nova elección de cargos.

Os cargos da Xunta Directiva renovaranse por metades. Na primeira rolda ou quenda serán renovados o Vicepresidente, o Vicesecretario e un Vogal; na segunda, ao ano seguinte, o Presidente, o Secretario, o Tesoureiro e outro Vogal.

Os cargos da Xunta Directiva poderán causar baixa por expiración do mandato, por incumprimento das obrigas que teñen encomendadas ou por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva.

Artigo 10º

Os membros da Xunta Directiva non recibirán retribución polo cargo desempeñado.

Artigo 11º

Son funcións da Xunta Directiva: programar e dirixir as actividades sociais e levar a xestión administrativa e económica da Asociación, someter á aprobación da Asemblea Xeral o presuposto anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.

Artigo 12º

A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine o Presidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes. Será presidida polo Presidente e, na súa ausencia, polo Vicepresidente, ou o Secretario, por esta orde, e se faltan ámbolos dous, polo membro da Xunta que teña máis idade. Das sesións, o Secretario e no seu defecto o Vicesecretario, levantarán acta que se transcribirá ao Libro de Actas.
Artigo 13º

O Presidente da Xunta Directiva terá, ademais das facultades asignadas no artigo 7º, as seguintes atribucións:

a) Convocar e levantar as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral,dirixir as deliberacións dunha e doutra, decidindo con voto de calidade en caso de empate.

b) Propoñer o plan de actividades da Asociación á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.

c) Ordenar os pagos acordados validamente.

O Presidente estará asistido nas súas funcións polo Vicepresidente, que ademais substituirao nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 14º

O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o Ficheiro e o Libro de Rexistro de Socios e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Será auxiliado nas súas funcións e será substituído nas súas ausencias polo Vicesecretario.

Artigo 15º

O tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación e dará cumprimento ás ordes de pago que expida o Presidente. Así mesmo, formalizará o presuposto anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior que deben ser presentadas á Xunta Directiva, para que esta, á súa vez, os someta á aprobación da Asemblea Xeral.

Artigo 16º

Cada un dos compoñentes da Xunta Directiva terá os deberes propios do seu cargo, así como os que nazan das delegacións ou comisións que a propia Xunta lles encomende.

Incumbirá de maneira concreta ao Secretario e, no seu caso, ao Vicesecretario, velar polo cumprimento das disposicións legais vixentes en materia de asociacións e custodiar a documentación oficial da entidade.

Artigo 17º

A Asemblea Xeral, integrada por tódolos socios, é o órgano supremo da asociación e reunirase sempre que o acorde a Xunta Directiva, por propia iniciativa ou porque o acorde a terceira parte dos seu socios.

Obrigatoriamente, a Asemblea Xeral deberá ser convocada en sesión ordinaria unha vez ao ano para aprobar o Plan Xeral de actuación da Asociación, valorar a xestión da Xunta Directiva, aprobar, no seu caso, os presupostos anuais de ingresos e gastos, así como o estado de contas correspondentes ao ano anterior e cantas outras se sometan a votación no capítulo de rogos e preguntas.

Artigo 18º

A Asemblea Xeral reunirase en sesión extraordinaria cando o esixan as disposicións vixentes ou así o acorden os membros da Xunta Directiva, ou o solicite a terceira parte dos socios e, en todo caso, para coñecer ou tratar as seguintes materias: disposición ou cesión de bens, nomeamento da Xunta Directiva, modificación de Estatutos e disolución da Asociación, expulsión de socios a proposta da Xunta Directiva, aprobación do Regulamento de Réxime Interno da Asociación e a solicitude de Declaración de Utilidade Pública. Tamén é da súa competencia a constitución de Federacións, Confederacións ou Unións ou a súa integración nelas.

Artigo 19º

A convocatoria das Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, faranse por escrito, no que se expresará o lugar, data e hora da reunión, así como a orde do día. Entre a convocatoria e a hora da celebración haberán de mediar ao menos corenta e oito horas. A segunda convocatoria farase media hora máis tarde.

Artigo 20º

As Asembleas Xerais Ordinarias e Extraordinarias quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a elas a maioría dos asociados, e en segunda convocatoria cando exista a cuarta parte dos asociados concorrentes.

Artigo 21º

Os acordos das Asembleas Xerais Ordinarias adoptaranse por maioría simple dos socios presentes ou representados cando os votos positivos superen os negativos. Non obstante, requirirán maioría cualificada das dúas terceiras partes dos socios presentes ou representados os acordos relativos á disolución da Asociación, modificación dos Estatutos e disposición ou alleamento de bens.

Artigo 22º

A Xunta Directiva resérvase o dereito de decisión sobre situacións non contempladas nestes Estatutos, sempre que non sexan incompatibles coas xa existentes.

Artigo 23º

A Asociación disporá dunha relación actualizada dos seus socios, levará unha contabilidade que reflicta a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da entidade, efectuará un inventario dos seus bens e recollerá nun Libro de Actas as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.


TÍTULO TERCEIRO

DOS ASOCIADOS, DREITOS E OBRIGAS

Artigo 24º

Poderán ser membros da Asociación as persoas físicas e as persoas xurídicas, legalmente constituídas, sexan estas públicas ou privadas, maiores de 18 anos, que dalgunha maneira teñan interese en servir os fins da mesma e sexan admitidos pola Xunta Directiva, quen poderá outorgar o nomeamento de membro honorario ás persoas que estime oportuno, a título meramente honorífico, sen que isto leve consigo a condición xurídica de socio.


As persoas físicas deberán ter capacidade de obrar e non estarán suxeitas a ningunha condición legal para o exercicio do dereito.

As persoas xurídicas de natureza asociativa requirirán, para formar parte da Asociación, o acordo expreso do seu órgano competente e as de natureza institucional o acordo do seu órgano reitor.

Artigo 25º

Aqueles que desexen pertencer á Asociación solicitarano por escrito ao Presidente, quen dará conta á Xunta Directiva, que resolverá sobre a admisión ou non admisión do socio. No caso de non ser admitido poderá apelar ante a Asemblea Xeral.

Artigo 26º

Os socios poderán solicitar a súa baixa na Asociación voluntariamente, pero isto non lles eximirá de satisfacer as obrigas que teñan pendentes para con aquela.

A Xunta Directiva poderá separar ou expulsar da Asociación a aqueles socios que cometan actos que os fagan indignos de seguiren pertencendo á mesma. A separación ou expulsión será precedida de expediente no que deberá ser oído o interesado, o cal será informado dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser motivado o acordo que no seu caso impoña a sanción. Este acordo deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral.

Artigo 27º

Os membros da Asociación terán os seguintes dereitos:

a) Participar nas actividades que promova a Asociación e nos actos sociais que organice para tódolos socios.

b) Exercitar o dereito de voz e voto nas Asembleas Xerais.

c) Ser nomeado membro da Xunta Directiva na forma que prevén os Estatutos.

d) Posuír un exemplar dos Estatutos e poder coñecer os acordos adoptados polos órganos directivos.

e) Ser informados do estado de contas de ingresos e gastos da Asociación tódolos anos.

Artigo 28º

Os socios poderán ser sancionados pola Xunta Directiva por infrinxir reiteradamente os presentes Estatutos, ou os acordos da Asemblea Xeral ou da Xunta Directiva. As sancións poden comprender desde a suspensión dos seus dereitos durante un mes, ata a separación definitiva da Asociación, nos termos que prevé o artigo 26º.

Artigo 29º

Serán obrigas de tódolos asociados:

a) Acatar os presentes Estatutos e os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral.

b) Abonar as cotas periódicas que acorde a Asemblea Xeral.

c) Desempeñar fielmente as obrigas inherentes ao cargo que desempeñen.


CAPÍTULO CUARTO

DO RÉXIME ECONÓMICO E DA DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN


Artigo 30º

A Asociación carece de patrimonio ao constituírse e o límite máximo do seu presuposto anual é indeterminado e será aprobado pola Asemblea.

Artigo 31º

A data de peche do exercicio económico da Asociación será a de 31 de decembro e as contas da Asociación serán aprobadas anualmente pola Asemblea Xeral.

Artigo 32º

Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento das actividades sociais serán os seguintes:

a) As cotas periódicas que acorde a Asemblea Xeral.

b) Os produtos dos bens e dereitos que lle correspondan, así como as subvencións, legados e doazóns que poida recibir de xeito legal.

c) Os ingresos que obteña a Asociación mediante as actividades lícitas que acorde realizar a Xunta Directiva, sempre dentro dos fins estatutarios, deberán destinarse exclusivamente ao cumprimento dos seus fins estatutarios.

Artigo 33º

A administración dos fondos da Asociación levarase a cabo someténdoa á correspondente información e intervención e coa publicidade suficiente, a fin de que tódolos socios poidan ter coñecemento periodicamente do destino dos fondos, sen prexuízo do dereito consignado a este respecto no apartado e) do artigo 27 destes Estatutos.

Artigo 34º

No caso de disolverse a Asociación, a Asemblea Xeral que acorde a disolución nomeará unha comisión liquidadora, composta por cinco membros, que se fará cargo dos fondos que existan, para que, unha vez satisfeitas as obrigas, o remanente, se o houbera, sexa entregado a calquera entidade legalmente constituída, con domicilio neste Concello, que se dedique a iguais ou, no seu defecto, análogos fins que esta Asociación, ou a unha entidade benéfica.

Así mesmo, no caso de insolvencia da Asociación, a Xunta Directiva ou, se é o caso, os liquidadores nomeados pola Asemblea Xeral, promoverán de inmediato o oportuno procedemento perante o xuíz competente.

En proba de conformidade co presente proxecto de Estatutos, asinan tódolos membros constituíntes da Asociación que se propón: